Ribeiro

now browsing by tag

 
 

Crónica da 1ª Brigada desacaciadora de Lentille

O pasado sábado 28 de maio estivemos en Lentille (parroquia da Pena, Cenlle) de anfitrións das Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia. Brigadas “desacaciadoras”, neste caso, e particularmente de erradicación de Acacia dealbata, coñecida como “mimosa”. Contra as 10 da mañán xa chegaran os perto de 30 brigadistas voluntarios de todo o país: así de Ourense e do Carballiño como de Vigo, Compostela, Lugo, e tantos lugares; mesmo desde Ferrol viñeran madrugando tantísimo!

O comezo dos traballos foi complicado porque o terreno era irregular e incómodo e porque as acacias están moi mestas, van altas e pesan. E a cada vez que deitabamos unha, porse a colleito naquel camiño pedregueiro entre muros e sucalcos era complicado. Máis os voluntarios estiveran moi atentos e unha vez avanzado un primeiro bocado en cada frente, as brigadas traballaron a eito deitando acacias, desfacéndoas e amoreando pra transportalas, con coidado e sen incidencias.

Avanzouse moitísimo. O traballo foi duro máis rendeu. E ainda tivemos a sorte de, malia a previsión do tempo ser de trebóns e moita auga, gozarmos dun día solleiro que permitiu os cativos brincar cos boomerangs ou na cama elástica e a todos rematar os traballos cun alboroque ao aire libre no medio da aldea, de par do Regueiro e á sombra devalante dunha carballa centenaria. O xantar foi variado e abondoso e o viño artesanal da aldea. E coidamos que ninguén marchou con fame nin sede.

Logo, na hora do café e os licores, improvisamos un modesto obradoiro sobre o combate contra a vespa velutina. Contamos como elaborar trampas e apeiros pra eliminar raíñas en niños primarios sen danar o niño usando botellas de plástico e un pouco aramio. E fixemos unha demostración práctica de coado e reposición nunha trampa en funcionamento amarrada a unha camelia no medio da aldea. Para quen queira saber mais, estivo o Lolo Andrade hai uns meses informándonos nunha palestra organizada polo concello de Cenlle e máis nós e el sabe mais ca calquera sobre o combate contra a velutina.

E pra acabar a dixestión fomos camiñar de vagar entre as viñas e as colmeas, e polos montes de Lentille para termos unha mellor idea da dimensión da ameaza mais tamén pra imaxinarmos xuntos un futuro diferente e comprometérmonos pra turrar por esa mudanza.

Toda a nosa gratitude aos brigadistas e a Verdegaia e o noso compromiso pra seguir participando nestas xornadas onde vaia cadrando. A vindeira ocasión en Dodro! Vémonos aló!

Paulo e Su – 2ª Brigada, Ribeiro

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress