O problema

As plantacións de eucaliptos xeran un impacto altamente prexudicial sobre a biodiversidade, causando empobrecemento e erosión das superficies plantadas, contaminación en regatos e rios e outras negatividades que, mesmo dando unha aparencia “verde” á paisaxe, crean auténticos desertos, que mostran a súa faciana máis negra coas sucesivas vagas de lumes (para saber máis, consulta o Dictame do Comité Científico do MAPAMA sobre o eucalipto).

Con máis de medio millón de hectáreas na Galiza e unha superficie que aumenta ano trás ano, en Verdegaia consideramos que chegou a hora de dicer “basta” e botarse ao monte para tomá-lo e transformá-lo. Do mesmo xeito que somos conscientes de que unha parte significativa dese “deserto” correspóndese con zonas nas que a introdución do eucalipto foi abertamente ilegal, sendo responsabilidade da administración a súa continuidade, noutra parte o eucalipto chegou sen que ninguén o chamara, respondendo a súa presenza á dinámica invasora que caracteriza a esta especie exótica e a outras igualmente preocupantes como o xénero Acacia. Tamén é certo que a evolución da situación ten feito que propietarias que antes optaran polo eucalipto como alternativa económica, hoxe están conscienciadas sobre a necesidade da súa eliminación.

A visión extendida de que o futuro dos montes é un problema que corresponde apenas á administración pública e ás titulares forestais ten levado á sociedade á inacción e pesimismo, reforzado cada ano co aumento da superficie queimada e eucaliptizada. No entanto, do mesmo xeito que o conxunto da sociedade depende dos servizos ecosistémicos proporcionados polos montes galegos (captura de carbono, regulación hídrica, calidade das augas e zonas de baño e marisqueo, paisaxe, biodiversidade, patrimonio cultural, etc.), moitos sectores da sociedade demandan vías para participar na transformación efectiva do territorio, responsabilizándose pola súa protección, restauración e defensa. As Brigadas Deseucaliptizadoras ofrecen unha vía a todas as persoas, voluntarias e propietarias forestais, para asumir xuntas esta causa común.

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress