MONTES DO CHÁ (FERROL)

O domingo 5 de maio a Asociación Comuneiros do Chá convócanos a erradicar os pés de Helichrysum petiolare que ameazan invadir unha zona repoboada e outra de pasto dos cabalos. O helicrysum petiolare é unha especie orixinaria de Sudáfrica, trátase dun arbusto ramoso e gabeador que afoga toxeiras e mesmo especies arbóreas formando masas monoespecíficas e que na boca da ría de Ferrol hai anos que constitúe un problema ambiental de primeira magnitude ante a pasividade das administracións.

A técnica de erradicación é sinxela e básicamente manual polo que é moi importante que as persoas voluntarias traian luvas preferentemente de coiro pois no terreo hai brotes de toxos mesturados cos helichrysum a erradicar. Se alguén prefire usar sacho pode traelo ou usar os que a organización poñerá á disposición d@s voluntari@s.

Trátase dun traballo sinxelo nun terreo de pouca pendente e desbrozado (nalgunhas zonas recentemente e noutras hai dous anos) polo que a xornada é perfectamente apta para crianzas e persoas maiores. Se hai tempo faranse labores de mantemento de plantacións de anos anteriores e un roteiro polas mámoas do monte e o recinto dos cabalos.

punto de encontro será ás 9:30 h no Viso (Entre san Cristobal e Martín) hai unha explanada onde deixaremos os coches, fronte a ela un camiño que sube ó Chá e a 500 m comeza a zona de actuación.

A xornada de voluntariado está aberta á participación do público en xeral, de calquera idade, e forma parte da programación da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras de 2024, que engloba máis dun cento de actividades en toda a península. Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista  http://verdegaia.org/brigadas/formulario-de-inscricion-como-brigadista mandar confirmación ó correo comunidademontesdocha@gmail.com  antes do xoves 2 de maio.
Tras a actuación sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo na AVV de Valón, para iso cada persoa deberá traer o seu propio vaso, plato e cubertos, quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.

VÉMONOS NO MONTE !!!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.