3-M e 9-M: Novas plantacións de árbores frondosas en Froxán (Lousame)

As plantacións forman parte do proxecto “Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático”, no que participa Montescola

Montescola convoca dúas novas plantacións de árbores frondosas autóctonas na Área Conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame, para o domingo 3 de marzo e o sábado 9 de marzo. Coas plantacións búscase crear un cortalumes verde como parte das actividades do proxecto “Comunidade Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático”, no que participa Montescola.

A plantación do domingo 3 está pensada para crianzas e as súas familias, e comezará ás 10 da mañá, tendo prevista a ecolóxica presenza das criaturas do bosque que ofrecerán a súa apócema ao final. As prazas son limitadas e agradecémosvos confirmar a vosa participación indicando número de crianzas e adultas até este venres día 1 enviando un email a info@montescola.org

A plantación do sábado día 9 está aberta a todos os públicos e a todas as idades e nela plantaremos castiñeiros nunha zona na que se está combatindo a presenza de acacia. Partiremos para a zona de traballos ás 9:30. En paralelo organizaremos un obradoiro de poda forestal. Podedes apuntarvos no mesmo email até o xoves 7 de marzo. Nesta intervención, ofrecerase o tradicional xantar de albaroque ao finalizar os traballos.

En ningún dos dous casos se suspendará a xornada en caso de chuva, así que apuntádevos só se tedes roupa de augas 😉

VÉMONOS NO MONTE !!!

 

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress