2 de marzo: Roga simultánea de eliminación de especies invasoras en Lentille e Ferrol

Marzo comeza con dúas rogas simultáneas o sábado día 2 en Ferrol e Lentille, é a túa escolla, mais non podes faltar!

LENTILLE (O RIBEIRO)

A Asociación Veciñal de Lentille convoca as Brigadas Desacaciadoras para unha nova actuación de control de mimosa (Acacia dealbata) na aldea o sábado 2 de Marzo. Desta volta  comezaremos retirando e organizando a ramallada que ficara estrada da última convocatoria e que as constantes chuvias do inverno non permitiran retirar nin queimar. Tamén insistiremos en liberar camiños invadidos pola mimosa.

Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 28 de Febreiro a máis tardar, comprometendo asistencia.

O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:30 puntualmente.

Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, froita e unhas madalenas. Remataremos contra as 14:00 pra xantarmos. O albaroque acontecerá na terraza do Cabildo se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe.

MONTES DO CHÁ (FERROL)

A Asociación Comuneiros do Chá convócanos a erradicar os pés de Helichrysum petiolare que ameazan invadir unha zona repoboada e outra de pasto dos cabalos. O helicrysum petiolare é unha especie orixinaria de Sudáfrica, trátase dun arbusto ramoso e gabeador que afoga toxeiras e mesmo especies arbóreas formando masas monoespecíficas e que na boca da ría de Ferrol hai anos que constitúe un problema ambiental de primeira magnitude ante a pasividade das administracións.

A técnica de erradicación é sinxela e básicamente manual polo que é moi importante que as persoas voluntarias traian luvas preferentemente de coiro pois no terreo hai brotes de toxos mesturados cos helichrysum a erradicar. Se alguén prefire usar sacho pode traelo ou usar os que a organización poñerá á disposición d@s voluntari@s.

Trátase dun traballo sinxelo nun terreo de pouca pendente e desbrozado (nalgunhas zonas recentemente e noutras hai dous anos) polo que a xornada é perfectamente apta para crianzas e persoas maiores. Se hai tempo faranse labores de mantemento de plantacións de anos anteriores e un roteiro polas mámoas do monte e o recinto dos cabalos.

O punto de encontro será ás 9:30 h no Viso (Entre san Cristobal e Martín) hai unha explanada onde deixaremos os coches, fronte a ela un camiño que sube ó Chá e a 500 m comeza a zona de actuación.

Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista  mandar confirmación ó correo comunidademontesdocha@gmail.com  antes do xoves 29 de febreiro.
Tras a actuación sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo na AV de Valón, para iso cada persoa deberá traer o seu propio vaso, plato e cubertos, quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.

VÉMONOS NO MONTE !!!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress