Novembro brigadista en Lentille e Froxán

En novembro, brigada dobre: o sábado día 20 en Lentille (O Ribeiro) e o domingo día 28 en Froxán (Lousame). Ambas imperdíbeis! Vémonos no monte!

LENTILLE, 20N

Asociación Veciñal de Lentille ven de convocar de novo as Brigadas (Desacaciadoras, neste caso) para colaborar no esforzo contínuo por facer recuar a masa de mimosas do perímetro da aldea e reforestar con frondosas e froiteiras autóctonas.

A convocatoria é para o sábado 20 de novembro. O punto de encontró será o estacionamento do Souto ás 9:30 e desde alí camiñaremos (5 minutos) até os puntos de intervención.

Para vos apuntar, é preciso, alén de serdes Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até o 17 de novembro a máis tardar. Coma sempre, o alboroque terá lugar por volta das 14:30 no Cabildo.

FROXÁN, 28N

En novembro as Brigadas tamén voltan á Área Conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame. Desta volta continuaremos eliminando eucaliptos do monte veciñal mentres que reforzaremos a rexeneración natural do bosque nativo plantando árbores autóctonas.

A convocatoria é para o domingo 28 de novembro debendo acudir as brigadistas para as 9:30. Na parte da tarde, logo do albaroque, teremos un faladoiro sobre montes veciñais e autonomía indíxena organizado pola Sociedade Coluna Sanfins e a Fundação Montescola.

Para vos apuntar, é preciso, alén de serdes Brigadistas, enviar un correo electrónico a info@montescola.org até o 24 de novembro a máis tardar.
ÚLTIMAS CAMISOLAS

Teremos aínda á disposición das Brigadistas debutantes camisolas en algodón ecolóxico e chapas que son privilexio exclusivo de Brigadistas activas. Se aínda non tendes a vosa e ides estar en Lentille no 9-N lembrade indicarnos a vosa talla no momento de vos apuntardes (M – L – XL – XXL) pois só poderemos levar o número xusto de camisolas de cada talla (xa non quedan S, desculpade). Lembramos que as camisolas son totalmente gratuitas para as brigadistas activas aínda que serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente decucíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

MOEDA SOCIAL “A SABIA”

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress