20 de maio: desacaciamos Lentille
Na Asociación Veciñal de Lentille queremos aproveitar a primavera antes que o calor e a seca supoñan risco de máis para traballar con máquinas entre as acacias e convocamos as Brigadas para unha xornada de desacaciación e convívio na nosa aldea: será no sábado 20 de MAIO, e contamos convosco!
A liberación de camiños veciñais e os pequenos e constantes avances contra as estremas seguirán sendo a nosa prioridade. Tamén escascaremos algúns peteiros illados en áreas onde xa vimos traballando hai anos.
A hora de comezo das atividades serán as 9:00 no punto de encontro habitual no Souto. Coma sempre disporemos auga fresca, froita variada, café e algún petisco para un almorzo no monte a media mañá, e pararemos por volta das 14:00 para procedermos co albaroque e a sobremesa. O menú será o habitual e mataremos a fame coas lasagnas da Su. Dependendo da temperatura e a previsión meteorolóxica, a cremiña de verduras poderá ser substituída por unha sopa fría de melón, pomelo e menta, tamén apta para vexetas.
Lembrade traerdes luvas de traballo (vanse gastando e o remanente das brigadas xa é escaso), unha garrafiña para reencherdes con auga e os vosos proprios prato, vaso, culler e garfo, así como calzado apropriado e mesmo unha muda por se, ben por nos mollarmos ben por suarmos de mais, queredes estar mais cómodos á hora do xantar.
Tamén queremos lembrar que a leña de acacia procedente da atividade das Brigadas en Lentille estará sempre ao dispor de iniciativas e proxectos sen ánimo de lucro que a precisen para o desenvolvimento da súa actividade en prol do ben común. A Asociación Veciñal de Lentille fica atenta a propostas e solicitudes en avlentille@gmail.com.
Para vos apuntardes é preciso, alén de serdes Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até o 17 de MAIO a máis tardar. As prazas son limitadas, non demoredes en vos animar.
VÉMONOS NO MONTE!
Comments are Closed